Cando alguén me propuxo, xa fai vinte anos, que sería bo que me integrara en Cáritas porque había mais necesidades das que aparentemente nos parecía, pareceume un pouco esaxerado.
Pero agora, co paso dos anos e coa experiencia e casos que tiven a ocasión de vivir, teño que arrepentirme por non ter formado parte antes desta entidade ou dalgunha outra que tamén se dedica a axudar aos mais necesitados.
Podo afirmar que a satisfacción que sente un voluntario de Cáritas cando comproba que lle foi útil a unha persoa que se atopa en apuros, e non só económicos senón de calquera outro tipo, non se paga con nada, ou como coloquialmente se di, «non hai cartos que o paguen».
Podemos afirmar que os destinatarios de Cáritas son os últimos e non atendidos, e debemos de nomear situación de pobreza, inxustizas, marxinacións e un longo etcétera…
Debemos dar respostas e solucións concretas e inmediatas, e Cáritas debe de chegar onde outros organismos non chegan. Eu diría que «somos a voz dos sen voz».
Pobreza de valores
Hai xente moi pobre, pero aínda hai máis xente pobre en valores, como di esta frase: «Era tan pobre que só tiña diñeiro», e iso é ser moi pobre.
Desgraciadamente, cada vez é maior a diferenza entre «os poucos que gañan moito e os moitos que gañan pouco».
Segundo un estudo da organización Fomento de Estudios Sociais e de Socioloxía Aplicada (Foessa), en España un terzo da poboación, aproximadamente, está en risco de exclusión social, e o problema parece que vai en aumento.
Menos do vinte por cento da poboación está explotando a máis do oitenta por cento dos recursos da Terra, e por tanto a máis do oitenta por cento dos pobres só lles queda menos do vinte por cento dos recursos… Dende logo, os tipos de pobreza están cambiando, pero segue sendo pobreza.
Todos coñecemos o dito «non é máis rico o que ten máis, senón o que menos necesita». É una grande verdade e temos varios coñecidos non moi lonxe de nós. Isto é o que os voluntarios de Cáritas loitamos por conseguir; eses voluntarios que fai algún tempo daban aquilo que lles sobraba e agora moitos deles, por razóns da vida, teñen que compartilo.
De tódolos xeitos, sentímonos orgullosos do que estamos a facer, e seguiremos loitando por un mundo máis solidario e feliz para todos, e non só en España, senón en todos os continentes. Hai que ter en conta que Cáritas Española está presente en cerca de dous centos países e comparte varios proxectos, sobre todo, en América e África.
Lemas
Son moi significativos algúns eslógans o lemas que identifican a Cáritas. Un di: «Deixa a túa pegada, practica a xustiza». E o outro: «Chamados a ser comunidade». E un terceiro: «O teu compromiso mellora o mundo».
Pero seguramente, o que mellor reflexa a realidade de Cáritas, ou polo menos para min, é este: «Vive sinxelamente, para que outras persoas sinxelamente poidan vivir».
Fuente: La Voz de Galicia